Este apartado está incompleto. Queremos pedirvos a vosa axuda para completalo. Se ves algunha cousa que non é correcta ou que falta algún dato, envíanolo a codia@codia.gal. Entre todas e todos completaremos o percorrido do acordeón diatónico en Galicia.
O acordeón diatónico xorde a mediados do século XIX, espallándose con rapidez por todo o mundo, sobre todo relacionándose coas músicas e danzas populares. Tamén chegou a Galicia máis ao menos nese momento, tal e como recolle Eladio Rodríguez no seu dicionario (1958-1961) a verba acordeón:
“s. m. Acordeón, instrumento músico con producción mecánica para el viento y con teclado para las manos. Este monótono instrumento, de sonido sumamente desagradable, ha hecho su aparición en Galicia a mediados del siglo XIX, y se infiltró en nuestras aldeas, acompañado a veces de la flauta y redoblante, reemplazando en parte a la dulce gaita gallega en romerías, foliadas y otras diversiones campesinas.”
Tal e como se desprende das palabras de Eladio Rodríguez a penetración en Galicia do acordeón foi grande, tanto na cidade como no rural. Existen referencias do ano 1876 no xornal El Diario Compostelano, onde Nicola de Bernardi se ofrece nun anuncio para dar aulas de acordeón diatónico. En Ourense, aparece no xornal O Tío Marcos d’a Portela a descrición da festa do Santuario dos Miragres onde o Tío Calotes perde o sentido ao escoitar tocar o acordeón ao Xé d’a Maleta. A principios do século XX, José Poceiro foi un reputado artesán de acordeóns, e tamén de gaitas, en Pontevedra. Houbo outros fabricantes como Monteiro, Francisco Veira Vega ou Francisco Vázquez Figueras.
Da descrición do dicionario tamén se ve o rechazo por parte da intelectualidade tradicionalista e galeguista contra o acordeón, que despraza á gaita das manifestacións musicais do momento. A igrexa tampouco vía con bos ollos ao instrumento que ofrecía música para bailes agarrados.

A entrada do acordeón piano despraza das cidades ao diatónico, de tal maneira que se consideraba bo músico ao que tocaba o acordeón piano e simple aficionado ao diatónico. Desta forma, o acordeón diatónico desaparece coa mesma velocidade coa que apareceu, manténdose con certa vitalidade no rural ata os anos 60: Ramiro Munín, no Eixo, Compostela, O Cego de Cira, en Silleda (ata aos anos 50), Jesús Mediante “O Lauro”, en Pontenova (1959) ou O Parpaxo, en Cambados (1960), entre outros.
Na década dos oitenta, co movemento de recuperación das músicas e bailes tradicionais, comeza o rexurdir do diatónico en Galicia. As primeiras persoas en interesarse polo instrumento foron Pablo Quintana e Bieito Romero, que é o intérprete nos primeiros discos onde aparece o acordeón diatónico: Luar na Lubre (1988) e Xacarandaina (1990). Na década dos noventa popularízanse para o colectivo da música tradicional figuras de diatonistas enxebres coma Pazos de Merexo (Muxía), Sindo de Olelas (Entrimo) e, máis recentemente, Canducho do Lisario (A Estrada), grazas ao traballo de recompiladores como Xurxo Souto, Mercedes Peón, Félix Castro, Olga Kirk, Ramon Pinheiro ou Guillerme Ignacio.
A partir deses momento, non parou de crecer a cantidade de intérpretes e o número de discos con presencia de diatónico.
A este rexurdimento, uníuse a aparición de aulas regulares tanto en asociacións culturais como en centros de ensino:
Así mesmo, realizáronse obradoiros e encontros centrados no interese do acordeón diatónico
Organizados polo Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín:
2000. Cursos de verán. Cursos de Interpretación musical en colaboración co Festival Foliada de Lalín. Acordeón Diatónico. Imparte Pedro Pascual
2002. CURSO DE ACORDEÓN DIATÓNICO E TXALAPARTA
Impartido por Loïg Troel (Acordeón), membro do grupo Skolvan, e Pedro e Xavier Etxnait (Txalaparta). No Conservatorio Folque.
2002. I ENCONTRO GALEGO DE ACORDEÓN DIATÓNICO
O dia 8 de marzo terá lugar o primeiro encontro galego de acordeón diatónico promovido desde o Conservatorio folque de Lalín polo alumnado e o prof. Pedro Pascual. Na taberna Celta de Bertamiráns dara-se lugar todos os intérpretes deste instrumento que hai em Galiza vindos desde Lalín, Coruña (alumnado de Brais Maceiras, acordeonista de Susana Seivane), da Aula Gomes Mouro de Ourense, irmans Castro Vicente (instrumentistas de Pancho Alvarez), Xurxo Souto, Bieito Romero de Luar na Lubre, acompañados en muitos casos de outros instrumentistas como Pablo Alonso ao clarinete, Dani Sisto á guitarra, Xavier Diaz de Laio ao acordeón, Ugia Pedreira á voz, entre outros.
2003. 21 xuño, II Encontro de Acordeón diatónico. Lalín.
Participan entre outros, Nel Expósito (As), Cati Plana e Marc Egea (Cat), Pedro Pascual e Quim Farinha (Gal), Tony Hermans e Philippe Copin (UK-Fr)
2003. 7 de febreiro INTERCAMBIO Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín – Centre Artesá Tradicionarius de Barcelona.• Encontro de acordeón diatónico no C. A. T (Barcelona) Músicos invitados Pedro Pascual e Uxia Pedreira
2003. 15 de febreiro INTERCAMBIO Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín – Centre Artesá Tradicionarius de Barcelona.• Curso de acordeón diatónico (Repertorio, técnica e investigación do diatónico nos Pirineos) Impartido por Arthur Blasco.
2003. Obradoiro de acordeón diatónico Repertorio, técnica e investigación do acordeón diatónico en Cataluña. Imparte Arthur Blasco.
2004. CURSO MONOGRÁFICO de ACORDEÓN DIATÓNICO
Imparte: Cati Plana. Profesora de acordeón diatonico do ESMUC (Barcelona)
2004. CURSO de POSTGRAO en MÚSICA GALEGA na Universidade de Santigao de Compostela
Diatónico: Pedro Pascual, Sanfona: Oscar Fdez, Gaita: Edelmiro Fdez, Canto: Xavier Diaz, Ugia Pedreira, Violino: Kim Farinha, Pedagoxia Musical: Rosa Maria Torres, Percusión: Francisco Estevez.
2005. III Encontro de Acordeón diatónico. Ourense. Concerto-baile presentado por Xurxo Souto. Praza Maior. Cati Plana (Barcelona) Nel Expósito (Uvieu) Artur Fdes (Agueda, Portugal) Olga Kirk (A Coruña) Carlos Quintá (Lalín) Daniel Meiriño (Ourense) Pedro Pascual (A Cañiza) convidado especial… Sindo de Olelas (Entrimo)
2006. IV Encontro de Acordeón diatónico. Casa dos Veciños, O Couto, Ponteceso. 30 de decembro.
Exposición de acordeón diatónicos antigos. Colección privada de Joam Pedro Branco. Obradoiro de baile infantil con diatónico (Marcelo González e Carlos Quintá). Proxección do programa Alalá (TVG) do sr. Pazos de Merexo. Conferencia “As grabacións históricas dos acordeonistas hermanos Moreira”, por Ramón Pinheiro. Concerto Baile con Xurxo Souto, Brais Maceiras, Pazos de Merexo, Fernández e Quintá.
2010. XI Encontro de Música Tradicional de Carboeiro. Dedicado ao acordeón diatónico, coa participación de Pazos de Merexo, Pedro Blanco, Xurxo Souto, Olga Kirk, Pedro Pascual, Brais Maceiras e Carlos Quintá.