encontro diatónico
Encontro diatónico
Programa

CODIA tivo o seu acto de presentación na fin de semana do 2 ao 4 de maio de 2025, cun encontro de diatonistas na comarca da Limia. A xuntanza reuniu a case 30 acordeonistas nunhas xornadas arredor da música, o baile e a cultura tradicionais enfocados ao noso instrumento.

Unha parte das asistentes proviñan da Escola de Música Tradicional de Sant Cugat del Vallès, que enriqueceu o encontro coas súas ganas de enchouparse das nosas tradicións e darnos a coñecer as súas.

O encontro enfocouse en tres grupos de actividades:

Obradoiros e clases maxistrais

O CDR O Viso no lugar de Lodoselo (concello de Sarreaus) foi o punto de encontro no que se desenvolveron as actividades formativas do Encontro.

O sábado pola mañá impartíronse obradoiros nos que os mestres compartiron repertorio e técnicas para o diatónico en distintos niveis.

Sonsoles Penadique (Azul de Bueu, Rilo&Penadique) centrouse no uso do diato como instrumento acompañante en temas cantados.

Alberte Núñez (Comando Curuxás, Baraza) tróuxonos repertorio da súa Ulla natal reimaxinado para o diato.

Pola tarde, Pedro Pascual (Marful, Talabarte) e Carlos Quintá (Linho do Cuco, Xisco Feijoo) propuxeron dentro dunha clase maxistral técnicas de arranxo centradas no repertorio das Pandereiteiras de Mens, homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.

Por último, non quixemos esquencer a un compañeiro inseparable do diato como é o baile. Da man de Patri Seoane (Fran Sieira compañía de danza) vimos estruturas e puntos básicos dos bailes de foliada.

Concertos e foliadas
 

O venres disfrutamos no fermoso patio do CDR dun concerto de Liv Hallum (Magari, Orquestina Trama), acordeonista orixinaria do pirineo catalán.

O sábado foi a quenda de Pedro Pascual e Carlos Quintá, que nos fixeron un concerto-presentación do seu cancioneiro De Botóns nun lugar emblemático como é A Arca da Noe, lugar de referencia para a música galega e símbolo de resistencia do rural.

Ao remate de ámbolos concertos foi tempo das foliadas, abertas tamén a músicos alleos ao Encontro. As músicas galegas e catalás fundíronse nalgúns dos momentos.

Mundo rural

Da man das compañeiras do CDR O Viso, achegamos ás participantes ás tradicións e á realidade actual do mundo rural. En diversos puntos do lugar de Lodoselo puidemos descubrir o modo de vida tradicional na Limia, e como o CDR loita por manter ese legado no mundo actual. Tamén quixemos devolver o agarimo tocando para os veciños de Lodoselo, que foron partícipes de concertos e actividades.