
Comer paella e facer foliada durante un paseo en barca pola albufeira de Valencia foi o mellor recibimento que puidemos ter como convidados. Bueno, minto. Iso e mais estar no medio dunha colección de mais de 500 acordeóns históricos onde nos deixaron probar varios. Unha fantasía.
Con este comezo, a viaxe só podía ir a mellor. Pero sobre todo pola calidade humana das persoas que forman a asociación REBOTONS (para a promoción do diatónico no País Valencià). Persoas majas e hospitalarias ata o extremo. Sentímonos como nunha irmandade. Pódese dicir que iso foi o que fixo esta pequena delegación de CODIA. Representar ó colectivo diatónico galego e tender pontes entre os frikis do diato, vivamos onde vivamos. Tecer rede abríndonos ó mundo e que o mundo se abra a nós tamén.
Por iso tamén impartimos obradoiros de música galega para o acordeón diatónico (onde non faltaron pezas de Pazos de Merexo ou a muiñeira de Manolo de Loureiro) que levaron adiante Iván Barral e Lucía Santiago, un obradoiro de baile galego impartido por Marta Otero e un concerto final nocturno na praza da vila. Porque o “V APPLEC d’Acordionistes Diatònics del País Valencià” ten lugar nunha vila moi fermosa: Agullent. No alto, nun antigo mosteiro convertido en albergue (onde se fan as convivencias e obradoiros) e abaixo, na praza da vila chea de xente curiosa e de bailadores. Porque todo hai que dicilo: á xente de REBOTÓNS gústalle bailar. Despois dunha acollida inmellorable, penso que esa foi a mellor despedida: que bailaran practicamente todo o concerto. Estamos moi agradecidos. Longa vida ó APPLEC cheo de música e baile.







