CODIA NO “V APPLEC” DA ASOCIACIÓN REBOTÓNS

Comer paella e facer foliada durante un paseo en barca pola albufeira de Valencia foi o mellor recibimento que puidemos ter como convidados. Bueno, minto. Iso e mais estar no medio dunha colección de mais de 500 acordeóns históricos onde nos deixaron probar varios. Unha fantasía.

Con este comezo, a viaxe só podía ir a mellor. Pero sobre todo pola calidade humana das persoas que forman a asociación REBOTONS (para a promoción do diatónico no País Valencià). Persoas majas e hospitalarias ata o extremo. Sentímonos como nunha irmandade. Pódese dicir que iso foi o que fixo esta pequena delegación de CODIA. Representar ó colectivo diatónico galego e tender pontes entre os frikis do diato, vivamos onde vivamos. Tecer rede abríndonos ó mundo e que o mundo se abra a nós tamén.

Por iso tamén impartimos obradoiros de música galega para o acordeón diatónico (onde non faltaron pezas de Pazos de Merexo ou a muiñeira de Manolo de Loureiro) que levaron adiante Iván Barral e Lucía Santiago, un obradoiro de baile galego impartido por Marta Otero e un concerto final nocturno na praza da vila. Porque o “V APPLEC d’Acordionistes Diatònics del País Valencià” ten lugar nunha vila moi fermosa: Agullent. No alto, nun antigo mosteiro convertido en albergue (onde se fan as convivencias e obradoiros) e abaixo, na praza da vila chea de xente curiosa e de bailadores. Porque todo hai que dicilo: á xente de REBOTÓNS gústalle bailar. Despois dunha acollida inmellorable, penso que esa foi a mellor despedida: que bailaran practicamente todo o concerto. Estamos moi agradecidos. Longa vida ó APPLEC cheo de música e baile.

Publicado en CODIA polo mundo, Rebotons | Etiquetado | Deixa un comentario

Codia concede unha bolsa para participar no Encordass Fiddle Fest

A asociación Galicia Fiddle e o Colectivo Diatónico Galego – CODIA, colaboran por segundo ano consecutivo cunha bolsa de estudos para participar nas aulas de acordeón diatónico dentro da programación do Encordass Fiddle Fest, promovendo así a igualdade de oportunidades.

Cada verán, na Illa de San Simón, o festival Encordass organiza un encontro arredor das músicas de raíz con artistas recoñecidos a nivel internacional. O festival inclúe, ademais de concertos, obradoiros e diferentes actividades colectivas (ex. danzas do mundo) tanto para músicos amateur como profesionais, enmarcado nun contexto de intercambio e convivencia.

No Encordass Fiddle Fest sempre houbo lugar para o diatónico, polo que esta colaboración entre Galicia Fiddle e CODIA (colectivo adicado á promoción do acordeón diatónico) reforza o compromiso coa transmisión do patrimonio musical galego, creando pontes entre culturas, xeracións e instrumentos, enriquecendo ó Encordass Fiddle Fest como espazo aberto á diversidade musical.

Para máis información: codia@codia.gal

Publicado en Bolsa, Encordass | Deixa un comentario

O diatónico no BIC

Dende a Asociación CODIA queremos mostrar a nosa desilusión pola exclusión do acordeón diatónico dentro do texto polo que se declaran Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia, publicado o pasado día 12 de xaneiro.

Ademais das diversas imprecisións, incoherencias e contradicións que atopamos neste Decreto, é unha mágoa que se teña perdido a ocasión para incluír explicitamente un instrumento coma o acordeón diatónico, que ten tido un papel ben importante dentro das nosas músicas de tradición oral, que segue vivo e que aspiramos a que cada vez estea máis presente nos torreiros do galegos, en pé de igualdade cos países da nosa contorna.

En Galiza, a 17 de xaneiro de 2026.

Publicado en BIC, Manifesto | Deixa un comentario

Acordeón diatónico galego

Deixamos aquí a lista de vídeos, creada por Guillerme Ignacio, sobre o acordeón diatónico galego. Buscade, escoitade, gozade!

Publicado en Vídeos | Deixa un comentario

Homenaxe a “Manolo de Loureiro”

O día 16 de novembro CODIA organizou a homenaxe a Manolo López Rodríguez, “Manolo de Loureiro”, coa guía de Guillerme Ignacio que nos deu a coñecer ao tocador de diatónico aínda en activo aos seus 95 anos.

A homenaxe consistiu nunha conversa con Manolo na súa vivenda, onde nos contou a súa relación co diatónico nos seus anos mozos, e o contexto no que se tocaba. Despois, acompañados pola súa familia, sentámonos a comer un cocido no Irixo e entregámoslle un diploma onde se lle recoñece como mestre de acordeón diatónico pola súa labor na transmisión da nosa música tradicional.

Houbo música, tanto pola mañá na súa casa, como despois do cocido, que nos agasallou Manolo. E tamén pola nosa parte, que tocamos a “Muiñeira de Loureiro” do seu repertorio. Neste vídeo podemos ver un resumo do que foi todo o día:

E unha fotos:

Na última parte do vídeo pode escoitarse a “Muiñeira de Loureiro”, que deixamos aquí para descargar a partitura.

Temos que agradecer enormemente o traballo de Guillerme Ignacio, que foi o noso guía para poder facer a homenaxe, cedeunos as imaxes e vídeos e a harmonización da muiñeira para poder tocala ese día e mostrala nesta publicación:

Descargar Muiñeira de Loureiro

Publicado en Cocido diatoneiro, Descargas, Manolo de Loureiro, Partituras, Vídeos | 1 comentario

Cocido diatoneiro 2024

O 23 de novembro de 2024 rendíuselle unha homenaxe en Lalín a Cándido Peiteado Tato, Canducho do Lisario.

Publicado en Canducho do Lisario, Cocido diatoneiro, Vídeos | Deixa un comentario

Pazos de Merexo

O programa Alalá, da TVG, dedicoulle un programa ao acordeonista diatónico, Pazos de Merexo.

Manuel Pazos Redonda é un referente do acordeón diatónico na Galiza. Cando xa contaba con 80 anos chegoulle o recoñecemento e subiu aos palcos con grandes acordeonistas:

Publicado en Pazos de Merexo, Vídeos | 1 comentario

Ola mundo!

Estamos a crear o espazo web da asociación CODIA.

Entra e acomódate, pasea polas estancias e se ves que podes aportar algo, non o dubides, escríbenos, fala con nós!

Publicado en Benvida | Deixa un comentario